Tunes

Tunes

08-07-2010

Tunes, fundada hai máis de 2000 anos, é unha das cidades máis cosmopolitas do Mediterráneo, berce da nosa historia, situada entre o Mare Nostrum e o deserto do Sahara. Un dos seus maiores atractivos turísticos é a Medina, repleta de tendas e mercados fascinantes. Rúas que invitan a pasear onde se concentran as mesquitas e os zocos, e reina o balbordo e o troco.

Séculos de influencia fenicia, romana, xudía, árabe e europea outórganlle unha identidade propia, que acepta amablemente a síntese árabe occidental. A tolerancia cultural e relixiosa forma parte do patrimonio desta cidade do norte de África, que cada ano atrae milleiros de turistas.

Galegos en Tunes

Miguel Lijó

Miguel Lijó. 26 anos, subdirector de hotel nunha das zonas máis turísticas de Tunes, Hammamet. É de Muros e a súa grande afección polo fútbol fai que algunha que outra vez comparta campo con futbolistas da selección nacional tunesina. Preséntanos ao seu amigo Adrián González de Fene, tamén subdirector de hotel. Con eles percorremos un marabilloso contorno de sol e praia, e contemplamos o solpor desde esta parte da costa mediterránea baixo os aromas do tabaco de sisha.

Modesto Alonso

Desde hai 5 anos é xerente dunha empresa que se dedica a forrar de coiro os volantes dos automóbiles. Modesto Alonso recíbemos na súa casa, ás aforas da capital. Un magnífico punto de partida para Galegos no Mundo que da man deste home, natural de Bueu, visita dous dos atractivos de Tunes: as ruínas da cidade romana de Cartago e a pintoresca vila portuaria de Sida Bou Said, que destaca pola cor branca das fachadas das súas casas.

Eva Casanova

Eva Casanova. Profesora de español na Universidade de Tunes, e tamén no Instituto Cervantes. Vive en Manar, nunha das zonas residenciais da capital. Con esta lucense de 26 anos, que leva 3 anos residindo en Tunisia, comprobamos como se vive a tolerancia do culto relixioso nesta sociedade. E tamén nos internamos na zona histórica da cidade, a Medina, onde late a vida cotiá dos tunesinos.

María Luisa Segura

En 1978 Mª Luísa Segura casou cun tunesino en Gran Bretaña e no 2003 decidiron fixar a súa residencia en Tunes. María Luísa e o seu home son propietarios dun salón de té. Da procedencia da súa dona dan boa conta as numerosas fotografías da Coruña que decoran o seu establecemento. Con María Luísa e o seu fillo Yoiussef (Xosé), de 7 anos, coñecemos Korbous, unha vila balneario moi frecuentada polos tunesinos.

Marcos García

Marcos García leva pouco máis dun ano traballando nunha empresa francesa que realiza as obras de electrificación da liña ferroviaria do tren que comunica o centro co sur do país. Este enxeñeiro compostelán de 27 anos vive en Hamman Fahet, un barrio típico tunesino e compra no mercado de Hamman Lis. Con Marcos, Galegos no Mundo amosa o contraste entre o Tunes máis popular e o máis caro e exclusivo.

Making Of


Mais información

Comparte este destino