Liverpool

Liverpool

03-10-2012

Liverpool é unha urbe británica coñecida pola súa historia marítima, polo fútbol, e, sobre todo, por ser o berce do grupo de música máis famoso da historia: os Beatles.

A Cidade marítima e mercantil de Liverpool é Patrimonio da Humanidade e o porto está entre os máis importantes de todo o mundo, non hai que esquecer que a idea e o deseño do Titanic naceron aquí.

O Liverpool Football Club é un dos emblemas da cidade. Falamos dun dos mellores clubs que existen e o equipo inglés co maior número de títulos de Campión de Europa, con 5 trofeos.

E que dicir dos Beatles, os míticos Fab Four fixeron famosa a súa cidade, e un son, o Merseybeat, que leva o nome do río que atravesa Liverpool, o Mersey. Hoxe a economía de Liverpool está baseada en gran parte polo turismo derivado daqueles que queren coñecer o lugar onde John Lennon e os outros membros do grupo creceron e se fixeron músicos.

Galegos en Liverpool

Andrea Blasco

É unha deseñadora gráfica de 29 anos, nada en Vigo. Escolleu Liverpool como destino para vivir por dúas razóns: o idioma e a súa afección á música. Por iso ninguén mellor ca ela para dar un paseo a través da historia e os lugares onde viviron os catro veciños máis famosos da cidade: os Beatles.

Lourdes Salgado

Estivo 8 anos vivindo en Londres así que xa falaba perfectamente inglés cando chegou a Liverpool, pero tivo que adaptarse ao peculiar acento da zona ao aceptar un posto como profesora na Universidade. Con esta ourensá de 33 anos coñeceremos a Libraría Sidney Jones, a Antiga Universidade Victoriana, e presentaranos a Craig Patterson, un galés que traduciu A Esmorga ao inglés.

Pepe Tedín

Ten 67 anos, está xubilado e é orixinario de Cabana de Bergantiños. Nun principio chegou a Inglaterra para traballar de cociñeiro pero finalmente acabou montando o seu propio restaurante, o Tedins. O que máis lle gusta é xogar ó golf, sobre todo na compaña do seu amigo Chindo. Ademais, con Pepe visitamos o Museo do Titanic, o Estadio do Anfield e tomamos unha pinta no bar máis pequeno do Reino Unido.

Dolores Vázquez

É profesora de secundaria, ten 41 anos de idade, e deixou Vigo, a súa cidade de nacemento, para traballar en Copenhague. Pero alí coñeceu a David, un inglés que hoxe é o pai das súas dúas fillas, e hai xa 16 anos que viven en Crosby, unha vila da periferia de Liverpool. Con Dolores damos un paseo pola praia, e vemos como dá unha clase no seu colexio.

Sara Filgueira

De Pontevedra, e con 30 anos de idade, chegou hai seis anos a Liverpool para aprender inglés. Alí decidiu facer un mestrado da súa especialidade, bioloxía, e agora traballa para un dos laboratorios máis importantes do mundo. Con Sara visitamos o Barrio Xeorxiano, a Igrexa de Saint Luke, o Arco Chino, e aproveitamos para coller o ferry que atravesa o río Mersey.

Making Of


Mais información

Comparte este destino