Berlín

Berlín

15-07-2010

Berlín, cidade centenaria que se viu forzada a renacer tras a caída do muro. A fin da Guerra Fría iniciou un período no que a construción e modernización da cidade adquiriron ritmos vertixinosos. Cruzada por grandes avenidas con pouco tráfico, referente da vangarda urbanística e arquitectónica, a capital de Alemaña tamén ama a cultura e a diversión e é capaz de acoller as ideas máis surrealistas e orixinais.

Cunha poboación moi nova, xa que máis da metade ten menos de 35 anos e de mentalidade aberta, Berlín presume de ser a cidade máis verde de Europa. Ten 2500 parques públicos nos que os seus habitantes botan fóra o frío dos seus duros invernos e danlle a benvida ao bo tempo.

Galegos en Berlín

Elena Muíños

Hai 3 anos Elena Muíños decidiu dar un xiro á súa vida e marchou para Berlín. Traballou como camareira nun teatro e púxolle ganas ao idioma. Hoxe aspira a comercializar viño Albariño en Alemaña. Con esta pontevedresa de 38 anos percorremos o Berlín máis turístico dende o Reichtag, sede do parlamento alemán, ata a Porta de Branderburgo.

Mara Mahía

Mara Mahía leva cinco anos vivindo a cabalo entre Berlín e Nova York polo seu traballo como editora, pero a súa residencia oficial está na capital alemana. Con esta coruñesa coñecemos o Berlín máis undergroud, dende o barrio no que vive ata o Tacheles, un edificio no centro da cidade que de ser unha casa ocupada se converteu no centro da arte alternativa.

Simón Golpe

Tras seguir á súa moza a Berlín, a relación rematou e Simón viuse de golpe só e sen idea de alemán. O seu empeño por mergullarse no estilo de vida berlinés rematou por convertelo, despois de ano e medio, nun excelente guía da cidade. Con Simón Golpe, un electricista de Viveiro, visitamos Wedding- Liesenstraße, un anaco do muro de Berlin non turístico, tal e como quedou no 1989.

Felicidade Romeiro

Felicidade Romeiro é directora de mercadotecnia nun céntrico hotel de Berlín dende hai cinco anos. O seu traballo consiste en solucionar calquera contratempo que lles poida xurdir aos clientes do hotel. Con esta coruñesa imos de compras por unha das zonas máis caras de Berlín.

Paco González

Hai quince anos fundou a compañía de teatro de máscaras Familie Flöz, unha das máis importantes da escena berlinesa. Paco González, que quere promover na súa terra -na bisbarra de Valdeorras- talleres de clown para rapaces, amósanos un dos teatros con máis historia de Berlín.

Damián García

O que máis lle gusta a Damián García dos alemáns é a súa conciencia ecolóxica tal e como podemos apreciar no seu percorrido pola cidade. O mercado de Kreuzberg é un dos alicientes máis atractivos para este profesor e tradutor vigués que leva 6 anos en Berlín e que nos vai presentar un vendedor de anacos do muro de Berlín.

Making Of


Mais información

Comparte este destino